25 noviembre 2005

Seguro de mal tempo para os homes da mar

PESCA ASINA 150.000 EUROS AOS ESTUDOS PARA A CREACIÓN DUN SEGURO DE MAL TEMPO E UNHA AXENCIA GALEGA DE PROMOCIÓN EXTERIOR
Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2005.- A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, explicou hoxe aos representantes do Consello Galego de Pesca os orzamentos do seu departamento para o ano 2006, "e que están destinados a favorecer unha maior cultura de seguridade no mar, unha política de mercados que ata agora non existía e impulsar políticas sociais para mellorar a calidade de vida da xente do mar con iniciativas tales como a posta en marcha dun estudo, dotado con 90.000 euros, para crear un seguro de mal tempo.
Asimesmo, a conselleira describiu aos representantes do sector pesqueiro, marisqueiro e acuicultor e as centrais sindicais a aposta do seu departamento por unha "investigación aplicada que será coordinada polo Centro Tecnolóxico do Mar" e insistiulles na necesidade de estudar enerxías alternativas ao combustible tradicional para paliar o problema que o sector ven arrastrando dende hai anos. Neste senso, a Consellería ten preparada unha dotación importante para o proxecto "Peixe Verde" de Puerto de Celeiro que estuda a utilización de gas nos barcos".
Por otra banda, e tamén con respecto aos orzamentos de 2006, a conselleira anunciou que se ampliará o seguro colectivo do mar a todos mariñeiros que traballen en buques galegos, independentemente da súa orixe. Ademais, a titular de Pesca sinalou que o estudo para o seguro de mal tempo, que onte presentou na Comisión de Economía do Parlamento con motivo da presentación dos orzamentos da Consellería, ten unha dotación económica de 90.000 euros, e que espera a súa posta en marcha o antes posible "para que o igual que noutras profesións, os armadores e mariñeiros teñan garantido un salario en caso de non poder sair a traballar por mor da climatoloxía adversa". Por último, Gallego Calvar detallou que outros 60.000 euros irán no 2006 ao estudo da creación dunha Axencia Galega de Promoción Exterior.